Saturday 04 de May de 2024

Cultura e Educación reparte 4.000 corazóns entre 24 centros para concienciar ao alumnado sobre a seguridade viaria


O envío enmárcase dentro da campaña ‘O corazón está do teu lado’, coa que se busca educar aos nenos na importancia de empregar as sendas peonís ou camiñar pola marxe esquerda da estrada

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou esta semana o reparto de 4.000 corazóns luminosos entre un total de 24 centros de primaria das catro provincias galegas co fin de concienciar ao alumnado sobre a seguridade viaria. En concreto, distribuíronse uns dispositivos luminosos (led) chamados “latexos” debido á súa forma de corazón.

Con este reparto búscase fomentar condutas axeitadas para que os nenos e nenas aprendan a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar pola marxe esquerda da estrada (isto é, polo lado do corazón) ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía para así evitar accidentes.

Os 24 centros que recibiron este envío de corazóns luminosos están desenvolvendo actualmente accións vinculadas coa seguridade viaria. En concreto, trátase do CEIP Raíña Fabiola, o CEIP Pío XII e o CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, o CEIP A Maía de Ames, o CPR Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, o CEIP de Sigüeiro de Oroso e o CEIP de Sada na provincia da Coruña. En Lugo participan o CPI de Castroverde e o CEIP Santa María da Fonsagrada.

Pola súa banda, os centros de Ourense son o CEIP Padre Feijoo de Allariz, o CEIP Filomena Dato e o CEIP Plurlingüe O Ruxidoiro de Barbadás, o CEIP Ramón Otero Pedrayo do Barco de Valdeorras, o CPI José García García e o CEIP Plurilingüe Albino Núñez de Ourense, o CEIP Amaro Refojo de Verín, o CEIP Bibei de Viana do Bolo e o CEIP Carlos Casares e o Rosalía de Castro de Xinzo de Limia.

Por último, os centros da provincia de Pontevedra que recibiron os corazóns son o CEIP Praza de Barcelos, o CEIP de Marcón e o CEIP de Vilaverde-Mourente do propio municipio pontevedrés; o CEIP de Laredo de Pontevedra e o CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal de Vigo.

Campaña conxunta en catro centros
Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña divulgativa ‘O corazón está do teu lado’, posta en marcha este ano pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, en colaboración co departamento de Educación, e incluída dentro das accións do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020.

Esta campaña inclúe o desenvolvemento de unidades didácticas en catro centros de Galicia –no CEIP Unión Mugardesa (Mugardos), no CEIP Palas de Rei (Palas de Rei), no CEIP de Maceda (Maceda) e no CEIP de Figueiroa (A Estrada)–, con actividades sobre seguridade viaria dirixidas a nenos e nenas de 6 a 8 anos.